Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A integración das videocámaras nos ordenadores portátiles e o económico prezo das 'webcam' propiciaron a aparición de numerosos servizos para transmitir vídeo en directo
A consolidación do mercado das cámaras de vídeo para ordenadores, coñecidas como 'webcam', trouxo consigo o descenso dos seus prezos ata importes alcanzables para calquera peto. Nestes momentos pódese adquirir un modelo de rango medio por menos de 18 euros. Por outro lado, este baixo custo propiciou que a 'webcam' se convertese nun accesorio de fábrica en calquera portátil, polo que a proporción de usuarios con webcam no seu ordenador aumenta a gran velocidade. Estes dous factores abríronlles as portas a numerosos servizos que posibilitan o uso da videocámara como un elemento máis na comunicación entre internautas.
O servizo de mensaxería instantánea de Microsoft, o Windows Live Messenger, e tamén o de Yahoo!, o Yahoo! Messenger, facilitan, ademais de manter conversacións de voz, que os usuarios se vexan en vivo a través de pequenas pantallas abertas nos seus ordenadores. Trátase de servizos sinxelos e gratuítos: só precisan estar dado de alta no servizo e a instalación dunha webcam no ordenador.
A utilidade desta tecnoloxía depende das intencións de cada internauta, pero máis alá da pura comunicación con familiares e amigos, son diversas as aplicacións prácticas que se atoparon nestes servizos de vídeo. Por exemplo, a páxina web 'Compoñemos' ofrece cursos de aprendizaxe de diversos instrumentos nos que se utiliza o Windows Live Messenger como medio para impartir clases presenciais. Así, mestre e alumno vense fronte a fronte cos seus instrumentos e poden practicar sen necesidade de recorrer a complexas explicacións de texto para definir o modo en que se utiliza unha guitarra, un saxo ou un violín.
A páxina Guitar2000 tamén ten un servizo de clases de guitarra por medio de vídeo en vivo, amais de ofrecer un boletín con 'vídeoleccións' semanais de posición dos dedos, distintos punteados, etcétera. Ata na aprendizaxe de idiomas con profesores nativos se utiliza o vídeo en vivo. Este tipo de clases páganse online mediante transferencias con servizos de micropagamentos como PayPal. Aínda que tamén hai comunidades gratuítas como Italki (www.italki.com), onde a cambio de ensinar o noso idioma, podemos practicar con falantes nativos.
Os sitios web de emisión en directo poden incluír outras aplicacións profesionais interesantes. Por exemplo, algunhas empresas tecnolóxicas utilizan servizos que lles prestan o seu ancho de banda gratis aos directivos para que estes lle poidan transmitir as súas reunións laborais a un grupo selecto de contactos externos aos que se lles permite, ademais, manifestar as súas opinións. Deste xeito, conséguese abrir as reunións corporativas a eventuais conselleiros que poidan dar solucións a determinados problemas.
Outra utilidade bastante socorrida é a de emitir conferencias ou cursos maxistrais a través destes sitios, co que se amplía a audiencia con quen non se pode desprazar ata o lugar da charla. Estas persoas só deben acceder a unha páxina web creada para emitir a conferencia e así ver a imaxe. Por outra banda, os emisores deciden se desexan que a súa transmisión sexa de acceso libre ou exclusiva para os contactos seleccionados.
Pero a imaxe en directo en Internet non se centra só na diversidade de utilidades profesionais ou de formación, tamén é un medio para contarmos a nosa vida de xeito desinteresado a outros internautas a quen non coñecemos. O fin, neste caso, é crear unha personalidade na Rede e establecer relacións con outros usuarios. Cada vez nacen máis servizos onde predomina o usuario que lle emite a súa vida cotiá á comunidade, tanto en vídeos gravados coma en transmisións en directo. É o que se coñece co nome de canles de 'televisión persoal'.
Nestes servizos, en xeral gratuítos, abonda con darse de alta mediante unha dirección de correo electrónico e un contrasinal para comezar a emitir dende a 'webcam' aquilo que se desexe. Moitos son os internautas que utilizan estes servizos cun propósito social, amosando a súa imaxe mentres traballan ou navegan por Internet. Outros narran os seus pensamentos fronte á cámara ao mesmo tempo que inician sesións de música ou fan a manicura. E non son poucos os seus seguidores!

En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI