Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O uso do ordenador como dispositivo para os videoxogos pode ser unha boa opción, pero tamén carrexa gastos adicionais
"Merco unha consola ou engádolle ao PC os complementos para poder xogar con el aos videoxogos máis potentes"? É unha pregunta que se fan milleiros de usuarios ante a perspectiva de iniciarse no mundo do software de lecer e entretemento. E a resposta non é sinxela, xa que interveñen máis factores ca o económico. Na actualidade pódense conseguir as videoconsolas máis potentes por entre 300 euros e 400 euros, tanto a Playstation de Sony con 60 xigabytes de memoria de disco duro, como a Wii ou a Xbox 360 Elite.
Dotar un ordenador medio das mesmas capacidades ca unha destas consolas pode ser unha opción interesante, pero, dende logo, non gratuíta, xa que será imprescindible mellorar as características do ordenador. Isto implica a adquisición de dispositivos adicionais. No mercado tamén se poden atopar ordenadores deseñados para xogar con videoxogos, que dispoñen de procesadores máis potentes ca os pensados para o traballo ofimático.
Pódense conseguir verdadeiras gangas en materia de tarxetas gráficas, de son, pancas de mandos, altofalantes, etc., pero tamén, se se aspira ao mellor e ao máis novo, ao final un pode acabar gastando nas tendas moito máis ca os 400 euros que custan de media as videoconsolas.
Unha razón de peso para inclinarse polo ordenador é que permite xogar aos videoxogos da variedade multixogador, ou videxogos masivos (MMOG), que están a ter un grande éxito. A estes videoxogos xógase con outros xogadores a través de Internet, algo para o que o PC está máis preparado ca as videoconsolas, aínda que xa as haxa dotadas de conexión wifi.
O que é seguro é que se se decide polo PC, o usuario terá que facelo todo el mesmo; nada lle virá dado de fábrica e deberá conseguir pola súa conta os dispositivos necesarios.
Outros dispositivos complementarios non tan imprescindibles son unha tarxeta de son e un xogo de altofalantes para ordenador con son envolvente. A combinación de ambas as dúas cousas pode mellorar moito o son do xogo e darlle máis sensación de realidade ao xogador, aínda que sen eles tamén se pode pasar ben. Ademais, para cargar os xogos, é imprescindible que o ordenador que se use conste de lector de discos ópticos.
En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI