Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O sistema pretende concienciar e controlar os condutores con maior rigor para diminuír a sinistralidade
Desde o 1 de xullo, a condución será cuestión de puntos. Así o dita a nova Lei de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria que regula o carné de conducir. Do sistema vitalicio de posesión do carné (salvo retirada xudicial) pásase a unha licenza condicionada polo comportamento do condutor. Esta medida, aplicada noutros países como Francia, pretende reducir o número de mortes na estrada e servirá para concienciar dos riscos e das responsabilidades da condución.
Partirase dun permiso con 12 puntos, salvo os noveles (con menos de 3 anos de antigüidade), que o farán con 8. Este último tamén é o que se lle vai outorgar ós condutores que recuperen o seu carné despois de o perderen por esgotaren os puntos iniciais. Os condutores perderán puntos cada vez que sexan sancionados en firme por cometeren infraccións graves ou moi graves. Este sistema reprimirá con severidade as condutas incorrectas e reiteradas para fomentar nos condutores un maior grao de responsabilidade e autocontrol.

Haberá dous tipos de cursos en función da sanción dos condutores. Se se quere recuperar puntos, o curso de sensibilización e reeducación viaria será de 12 horas e permitirá lograr ata 4 puntos, cun prezo de 170 euros. Se o que se pretende é recuperar o permiso de conducir retirado por perder todos os puntos, o condutor deberá realizar un curso de 24 horas de duración (14 horas de formación, 2 de reflexión e 8 de educación viaria), cun prezo de 320 euros, sen incluír as taxas de exame que o alumno lle deberá aboar á Xefatura Provincial que corresponda, co que o desembolso pode chegar a superar os 700 euros.
Ademais, recuperaranse os 12 puntos de xeito automático, se non se perderon todos, cando nun prazo de dous anos non se cometan infraccións. Se a perda de puntos se produciu por unha infracción moi grave, o prazo amplíase a tres anos. Se se perderon todos os puntos, e, xa que logo, o carné, de ser a primeira vez, o condutor ten que agardar 6 meses para comezar o procedemento de recuperación. A segunda ou vindeiras ocasións en que o perda non o poderá recuperar antes de 12 meses.
En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI