Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Estás na seguinte localización: Portada > Psicoloxía
Ante tantas decisións que ás veces hai que tomar, case todos nós devecemos por que cheguen as vacacións
Dende estas páxinas imos propoñer algo diferente: dedicar unhas poucas horas dalgúns días de vacacións á contemplación. A palabra sóanos, de entrada, pouco atractiva e mesmo contradictoria co noso modus vivendi: asociámola a non facer nada, a estar en Babia ou á vida espiritual e ensimesmada dos monxes.
O diccionario define contemplar como "aplica-la mente a un obxecto material ou espiritual con atención e particular afecto". A proposta é a seguinte: realizar exercicios de recuperación do equilibrio emocional aproveitando estas vacacións. Vivimos de présa, e moi preocupados por traballar con eficacia e bos resultados para deste xeito progresar economicamente ou, cando menos, obter uns ingresos que nos permitan cubri-los nosos gastos e descansar, para á súa vez poder seguir traballando. É un círculo vicioso e vertixinoso, e a sociedade na que vivimos móvenos a cobizar constantemente o que non temos, e a fixa-lo desexo coma o gran motivo (ás veces inconsciente) das nosas existencias.
Esa distancia entre o que posuímos e o que ansiamos crea unha tensión que pode xerar frustración, a orixe da insatisfacción permanente e de certas neuroses que minan o noso benestar emocional. Circular a esa velocidade vital é perigoso para o noso equilibrio persoal, porque a penas habilitamos tempo para o que nos depara satisfacción profunda (ese paseo, esa conversa relaxada, esa reflexión a fondo e sen présas, ese deixar pasar docemente o tempo mirando ó horizonte, ...), para a degustación e o gozo do que posuímos, do que non custa cartos nin esforzo, porque xa está aí: os obxectos, as paisaxes e os seres humanos que nos rodean.
Pero o pernicioso é que as cousas que acadamos, lamentablemente, ás veces deixan de interesarnos a medida que as posuímos, porque pasan a ser obxectos coleccionados, devorámolos ou arrecunchámolos sen gozalos na súa plenitude. E o peor é que en moitos casos mantémo-la mesma actitude coas persoas: o costume e a rutina fan que os seres queridos perdan a capacidade de estimularnos, de sorprendernos, e pasen a ser case un elemento inerte máis de todo o que nos rodea. E só percibímo-la importancia dos nosos familiares e amigos cando nos faltan. Nisto non cambiamos, por moito que transcorran os anos.
Este desatino da velocidade vertixinosa que algúns imprimimos ás nosas vidas pode ter un contrapunto cando sexamos capaces de frear a tempo, de parar para contemplar. E as vacacións constitúen unha grande oportunidade para adestrarse nesta saudable práctica. Contemplar é redescubrir cousas e persoas coma se fose a primeira vez que as vemos e as sentimos, decatarse do mundo exterior, entrar en contacto sensorial profundo con obxectos e seres, aquí e agora: o que vexo, oio, toco, ulo, apalpo, saboreo...
Pero tamén podemos aplica-la contemplación ó mundo interior. O que sinto debaixo da miña pel, as tensións musculares, os movementos, as manifestacións físicas dos sentimentos e as emocións, as sensacións de molestia ou agrado... Aproveita-las vacacións para redescubri-la vida é a mellor forma de recuperar tanto tempo perdido nesa viaxe de tensións e esforzos rutineiros que non nos leva a ningures. Porque a felicidade e o equilibrio persoal están dentro de nós, e imos traballar por descubrilos e alimentalos, coa axuda de todo o que nos rodea: as paisaxes, os obxectos, os animais e, por suposto, o principal: as persoas.
Vexamos algúns sinxelos exercicios para practicar estas vacacións a contemplación, como elemento necesario para o equilibrio emocional e a saúde mental.
En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI